martes, 13 de setembro de 2016

COMUNICADO DA ROLDA DE PRENSA E NOTICIAS







  ROLDA DE PRENSA 12/09/2016

Estamos hoxe aquí principalmente porque, na zona escolar á que este centro pertence, existe un problema grave: non hai prazas públicas suficientes na ESO para todos os alumnos que a demandan. A esta situación non chegamos sen máis, nin chegamos de súpeto. Esta situación prodúcese porque padecemos anos e anos de mala xestión educativa.
Ante todo, a pasividade fronte unha zonificación e adscrición obsoletas, que non se adaptaron aos cambios que sufriu a cidade na última década. Isto provoca ineficacia na asignación, nas distintas etapas e en moitos dos barrios de Vigo.
No que a esta zona en particular se refire, a secuencia de decisións arbitrarias e, ao noso entender, carentes de toda lóxica, que se viñeron tomando. Nunha zona en clara expansión demográfica, provocada polo crecemento de Navia, decídese, fai xa catro anos, pechar a ESO nun dos centros nos que se impartían, aínda a sabendas de que os catro centros de secundaria restantes xa tiñan as súas aulas repletas. Era evidente, para calquera que saiba contar, que estes catro centros non serían capaces de absorber a demanda. E así foi. Tivemos que padecer a masificación de dous deses centros, durante estes últimos cursos e plantar cara á administración, desde o pasado mes de febreiro, para que  finalmente, despois de todo este tempo, recoñeza que é verdade, que os alumnos non entran nestes catro centros tal e como está configurada a repartición.
E agora, unha vez recoñecido o problema, que solución propoñen?: trasladar a escolares de 11 e 12 anos a cursar os seus estudos a máis de 10 quilómetros das súas casas. Os nenos e nenas de Navia, ao instituto de Valadares. Os alumnos de Balaídos… a Beade? Non o sabemos, isto xa o anunciaron e desmentiron en varias ocasións.
Non aceptaremos este tipo de parches. Debuxamos este mapa para analizar a situación actual e, ao facelo, descubrimos dúas cuestións que son o fondo e o contido da nosa protesta:
A primeira: existen casos nos que escolares que terían praza nun Centro próximo, son derivados tres veces máis lonxe. Por que? Parece que só cuestións derivadas do transporte escolar poden explicar isto pero, respecto diso, a única resposta desde a Administración Educativa, é que o transporte é intocable.
A segunda: nesta zona escolar, na que as prazas da ESO non son suficientes, dous dos catro centros de secundaria non abren as liñas desta etapa que poderían atender. E isto fano para poder abrir máis liñas de bacharelato que serán demandadas por alumnos que proveñen do ensino concertado. Así o xustificou o Xefe Territorial:
“Os pobres que optan por centros concertados, con todo o seu dereito, logo non terán diñeiro suficiente para pagar o bacharelato nos mesmos centros. Por iso hai que reservarlles unha praza de bacharelato o máis preto posible”
Nós estamos totalmente de acordo con isto. Todos os alumnos deberían ter unha praza de bacharelato o máis preto posible. Pero non apoiamos que, para garantir que todos os alumnos que proveñen do ensino concertado ou privado teñan praza en Bacharelato o máis preto posible, os alumnos do ensino público teñan que desprazarse a máis de 10 quilómetros das súas casas xa no Ensino Obrigatorio, cando son catro anos máis pequenos. É dicir, non aceptamos que se reserven os Centros públicos máis próximos á cidade para os alumnos que proveñen do ensino concertado e se deriven aos alumnos que optan polo ensino público aos centros máis afastados. O curioso é que, aínda por riba, esta elección é moito mais costosa para a Administración, para todos nós, posto que o transporte escolar na etapa secundaria obligatoria hai que sufragalo.

Queremos un estudo sobre a adscrición, sen privilexios, onde se teña en conta unicamente o criterio de proximidade e onde se repartan as prazas escolares públicas en función da demanda destas prazas, en cada unha das etapas. E pedímolo durante todos estes meses. Hoxe engadimos nesta rolda de prensa unha nova petición: a dimisión do Xefe Territorial, o seu cesamento.
Para nós non é xa un interlocutor válido. Coa súa actitude ignorounos, faltounos ao respeto e mentiunos. Mentiunos cando nos dixo que él podía decidir sobre esta cuestión como e cando quixese. Non é así. Non debería anunciar unha adscrición que, por normativa, debe pasar polo Consello Escolar Municipal e a Xunta de Directores, tras o informe da inspección educativa. E mente á cidadanía de novo cando envía unha nota á prensa, publicada onte, na que se afirma que os directores dos centros están totalmente de acordo coa súa decisión e que a protesta de FOANPAS é partidista e electoralista. Isto é unha farsa absurda, que dá mostras da súa forma de proceder. Reuniu aos directores dos IES Alexandre Bóveda, Santa Irene e Santo Tomé e do CEIP Balaídos e eles déronlle o seu apoio para adscribir ao CEIP de Navia ao IES de Valladares? Non sería máis lóxico entón que nesa reunión estivesen presentes os directores destes dous centros? E en canto á nosa oposición… levamos desde febreiro chamando a todas as portas na Administración. Dirixímonos á Inspección, ao Xefe Territorial, ao Director de Centros e de Educación, ao Conselleiro, ao Consello Escolar Municipal, ao Pleno, a absolutamente todos os grupos políticos municipais, ao Delegado da Xunta en Vigo. Temos escritos presentados en rexistro que atestiguan ese longo camiño.
A canle administrativa está esgotada e, de novo, comeza un curso cos mesmos problemas, comeza un curso que constituía a data límite para iniciar o camiño da mobilización, porque semella que é o único que nos deixan. Hoxe se celebra a primeira das movilizacións. Non será a derradeira.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario