venres, 29 de xullo de 2016

AMPLIACIÓN COLEXIO

Hoxe Venres 29 de xuño, estivo o conselleiro da xunta presentando os planos da ampliación do colexio.
explicaron que empezarán pola construción do bloque de infantil, o que non impedirá o transcurso normal das clases en próximo curso. e no verán do 2017 realizarán as obras de ampliación na planta superior do edificio actual.

deixámosvos unhas fotos dos planos. cando teñamos máis información iremos publicitado
















O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, presentou esta mañá o proxecto de ampliación do CEIP Alfonso D. Rodríguez Castelao, en Navia (Vigo), que suporá un investimento de máis de 3,6 millóns de euros e a creación de 450 prazas escolares. Segundo explicou o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia está previsto iniciar neste mesmo ano as obras. De feito, a Consellería xa licitou a primeira fase da reforma e está a redactar o proxecto da segunda delas.

Neste sentido, Román Rodríguez solicitou ao rexedor vigués, Abel Caballero, a maior celeridade posible para asinar no propio centro educativo o convenio polo que o Concello pon a disposición da Xunta os terreos necesarios para a obra. De feito a Consellería ten xa pedido a pertinente licenza municipal para executala, unha vez xa foi supervisado o proxecto.

A este respecto o conselleiro de Cultura e Educación celebrou que por fin se poda avanzar nesta mellora educativa, fundamental para a parroquia viguesa de Navia, tras os atrancos postos polo Goberno municipal. Non en balde, cómpre lembrar que a Consellería comunicou ao Concello no mes de febreiro a aceptación do terreos, e que non foi ata hai escasos días cando se puido confirmar a posta a disposición dos mesmos, trámite imprescindible para a licitación das obras.

Na súa visita, o conselleiro estivo acompañado do delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves; e do secretario xeral técnico da Consellería, Jesús Oitavén.



Dúas fases

A ampliación deste CEIP permitirá ampliar a súa capacidade de unha liña por curso escolar a 3, co fin de dar resposta ao incremento do alumnado do centro en máis dun 25% nestes 5 últimos anos e a previsión de crecemento futuro. Polo tanto, crearanse 450 novas prazas escolares.

A obra desenvolverase en dúas fases. Na primeira delas, xa licitada, construirase un novo módulo independente de educación infantil, con 9 aulas con aseos incorporados, sala polivalente, 3 aulas de desdobre, espazos comúns e instalacións.

Pola súa banda, a segunda fase suporá a demolición da cuberta para posibilitar a ampliación do edificio existente en 1.434,90 m² para 11 aulas – 9 deles polivalentes, 1 de música e outra de informática- de educación primaria e 7 de apoio.


Ningún comentario:

Publicar un comentario