martes, 1 de marzo de 2016

EDUCACIÓN AMPLÍA O BANCO DE LIBROS A 6 CURSOS E DEIXA O CHEQUE ESCOLAR EN 4


Educación amplía o banco de libros a 6 cursos e deixa o cheque escolar en 4



ARTIGO ORIXINAL

Este curso a Consellería de Educación implantou o banco de libros nos colexios e institutos. Denominouno fondo solidario e púxose en marcha en dous cursos de primaria -terceiro e quinto- e en dous de secundaria -segundo e cuarto-. No próximo será noutros dous de primaria, cuarto e sexto, co que nesta etapa completarase o banco en todos os anos nos que é posible, porque en primeiro e en segundo nunca poderá poñerse en marcha porque os manuais de texto non se poden reutilizar, ao escribir neles os pequenos.

A Xunta amplía en primaria o banco, pero en secundaria fai un cambio. Se este ano o fondo abarcaba segundo e cuarto da ESO, no 2016-2017 farase en primeiro e terceiro. A explicación a este intercambio está na aplicación da Lomce. O próximo curso é necesario adaptar os libros de segundo e cuarto a esta lei, polo que non pode facerse un banco xa que deben adquirirse novos manuais. Con todo, en primeiro e terceiro ocorre o contrario, xa que implantada a Lomce, poden aproveitarse os libros para o próximo curso.

Nos niveis educativos do ensino obrigatorio nos que non haxa fondo de manuais manteranse as axudas directas ás familias de rendas máis baixas para comprar o material. Se Educación non modifica os importes de anos anteriores, estas subvencións oscilarán entre os 90 e os 180 euros por alumno, en función da etapa escolar e do nivel de renda, xa que poden ser totais ou parciais.

Requisitos

Para acceder ao fondo solidario da Xunta é necesario cumprir os mesmos limiares de renda que para as axudas directas -ter uns ingresos per cápita iguais ou inferiores aos nove mil euros ao ano-, e devolver os manuais do curso pasado se se tivo cheque escolar.

Os colexios e os institutos viviron un pequeno caos no inicio de curso pola posta en marcha deste sistema, xa que o persoal -e nos centros de primaria non adoita haber administrativos, polo que ten que facelo o equipo directivo- tivo que inventariar os libros devoltos para introducilos na aplicación informática deste fondo, e despois distribuílo aos menores que cumprían os requisitos. Ademais, no caso de que houbese manuais estragados ou que non chegasen para todos os escolares que cumpren os criterios de renda, foi necesario adquirir o material e pedir o reintegro á Xunta.

Pero despois dese comezo aos tombos, os centros aseguran que o banco funciona ben, «sen maior problema». No caso do colexio San Francisco Javier da Coruña, o seu director, Emilio Veiga, explica que a AMPA do centro colaborou co seu propio fondo de libros, aínda que había material xa deteriorado, «e non se aproveitou moito».

Sobre o proceso en si, apunta que, «trastornou moito ao comezo de curso, pero cando se regularizou a situación foi con normalidade». No caso deste centro houbo que pedir manuais a maiores para os nenos que cumprían os criterios económicos e, a pesar diso, non tiñan libros.

Os nenos que empezan o cole o próximo curso teñen desde hoxe e ata o día 20 para pedir praza

Ningún comentario:

Publicar un comentario