xoves, 26 de novembro de 2015
TALLER DE ARTE NA SESIÓN DE ANIMACIÓN Á LECTURA DE LIBROS PARA SOÑAR
LIBROS PARA SOÑAR dedicará a sesión do venres 27, a partir das 18:30 horas, a contar
relatos relacionados coa arte. “O artista que pintou un cabalo azul”, de Eric Carle, e “O
soño de Matías”, de Leo Lionni, publicados por KALANDRAKA, serán dous dos títulos
destacados. Os seus autores son prestixiosos artistas plásticos que enfocaron o seu
talento á literatura infantil e xuvenil, tanto como autores dos textos como das imaxes dos
seus libros.
O neoiorquino Eric Carle é autor de máis de 70 álbums, cunha traxectoria que se remonta a
finais dos anos 60. Traballara nunha axencia de publicidade e na prensa escrita antes de
dedicarse á creación de libros, un labor polo que recibiu importantes premios
internacionais. “O artista que pintou un cabalo azul” -homenaxe ao pintor alemán Franz
Marc (1880-1916), precursor do expresionismo- ten un trasfondo autobiográfico: Eric Carle
retrátase como un ilustrador que non se cingue estrictamente á realidade, mostrándose
orgulloso de practicar un estilo característico que o distingue.
En “O soño de Matías”, Leo Lionni presentou unha proposta baseada na primeira visita a
un museo, facendo un percorrido por diferentes estilos artísticos, dende o clasicismo dos
retratos históricos e os bodegóns, ata as vangardas pictóricas como o impresionismo, o
cubismo ou o surrealismo. Leo Lionni, que foi premiado en 1984 coa Medalla de Ouro do
Instituto Americano de Artes Gráficas, comezou a facer libros infantís a finais dos anos 50
e a súa produción sumou máis de 40 títulos aclamados en todo o mundo pola crítica
especializada.
A actividade rematará invitando os nenos e nenas a colorear o “Senecio” de Paul Klee, que
está na portada de “Gorigori”, un poemario de María Jesús Jabato galardoado co Premio
Internacional Ciudad de Orihuela 2013 de Poesía para Nenos e publicado por Faktoría K.
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)

Ningún comentario:
Publicar un comentario