xoves, 12 de novembro de 2015

ESPECTÁCULO "BRINCA VAI" 2.0

PACO NOGUEIRAS E SR.SAGÜILLO PRESENTAN EN VIGO O ESPECTÁCULO “BRINCA VAI 2.0”

O músico Paco Nogueiras e o artista dixital José Miguel Sagüillo presentarán o espectáculo musical e audiovisual “Brinca Vai! 2.0” na Sala Ártika de Vigo, o sábado 14 ás 19:30 horas e o domingo 15 ás 12:00 e ás 18:00 horas. Trátase dunha actividade dirixida a público infantil e familiar baseada nas cancións do libro-disco “Brinca Vai!”, publicado por KALANDRAKA, no que Paco Nogueiras interpreta cancións baseadas en temas como a natureza, os xogos tradicionais, ou as festas como o magosto e o Nadal. 

Ademais de interactuar coa “máquina” coa que Paco Nogueiras reforza as melodías dos instrumentos que toca en directo, esta versión 2.0 incorpora como elemento destacado unha “pantalla” na que Sagüillo proxecta fragmentos dos videoclips das cancións e mesmo fai partícipe o público, a través das imaxes en directo que transmite cunha cámara de video.

Brinca Vai! 2.0 é un espectáculo musical e audiovisual, no que se combinan cancións, imaxes, videos, animacións, retransmisións en directo e interpretacións cos ritmos e rexistros máis divertidos.
Nesta ocasión o músico e actor Paco Nogueiras e o artista audiovisual Xosé Miguel Sagüillo combinan a súa tecnoloxía, aparatos e instrumentos nunha divertidísima viaxe chea de humor, cores, imaxes, baile e cancións. As alegrías, as amizades, os libros, a poesía, a ecoloxía, as festas do ano (o magosto, o samain, o entroido, o nadal) e o respecto á nosa lingua serán parte da equipaxe.
Unha fantástica oportunidade de regalar os ollos e as orellas, brincar e pasalo ben cos amigos e amigas nun particular camiño onde a música e a imaxe soan con forma de sorriso.
Brinca Vai! 2.0 convírtese nun espectáculo interactivo onde a música colle forma e a imaxe soa máis alegre . Brinca Vai! 2.0 viaxará alí onde alguén queira cantar, rir, bailar ou simplemente escoitar cos ollos, as mans e orellas ben abertas!
o Idioma: Galego
o Público preferente: Infantil e familiar o Xénero: Musical e comedia



Ningún comentario:

Publicar un comentario