mércores, 11 de maio de 2016

O COLEXIO DE PSICOLOXIA REXEITA AS CÁMARAS NOS COLEXIOS

O Colexio de Psicoloxía rexeita as cámaras nos colexios para previr o acoso

Os psicólogos afirman que a forma máis adecuada de previr a violencia nas aulas é a educación, e recursos como unha gravación poden resultar mesmo contraproducentes

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia critica a posibilidade de que os centros escolares galegos poidan colocar cámaras de videovigilancia en patios ou comedores para previr situacións de acoso escolar «debido principalmente á súa falta de eficacia». Os psicólogos afirman que a forma máis adecuada de previr a violencia nas aulas é a educación, e recursos como unha gravación poden resultar mesmo contraproducentes.

Desde o colexio apuntan varias obxeccións a esta opción. Por unha banda o dereito á protección da intimidade do alumno, xa que existe unha liña fina entre seguridade e intimidade. Tamén dubidan que unha cámara de videovigilancia sirva para previr unha situación de acoso, xa que é imposible filmar todos os recunchos do recinto escolar. E finalmente cren que hai tipos de acoso, como o illamento social ou o psicolóxico, indetectables por unha cámara.

A consecuencia de instalar un sistema de gravación sería que o alumno se comporte ben pola súa presenza, pero non por asumir valores de respecto e convivencia.

NOTICIA

Ningún comentario:

Publicar un comentario